Estatutos

Breve historia da entidade organizadora
Patio de Butacas é unha asociación cultural sen ánimo de lucro constituída oficialmente en marzo de 2016.
Os seus fins principais son:
• Promover o desenvolvemento de actividades artísticas na nosa comunidade.
• Fomentar na nosa contorna o interese pola arte así como a produción artística nas súas diferentes expresións.
• Dar apoio a todos/ as os/ as asociados/ as que queiran explorar a súa expresión artística a través da achega de medios, espazos e/ou formación.
Para levar a bo termo os obxectivos, a Asociación poderá organizar as actividades que considere oportunas. Algún exemplo podería ser:
• Cursos de técnicas artísticas.
• Eventos para desenvolver actividades relacionadas coa Cultura que viren ao redor dun tema concreto.
• Exposicións dos artistas da Asociación ou doutros que colaboren con ela.


Os membros da Asociación poden presentar actividades. Para ser tidas en conta, deben ter como fin o fomento e goce da Cultura.
Patio de Butacas desenvolve dúas liñas de actuación ben diferente pero, ao tempo, complementarias. En primeiro lugar, a Asociación está centrada na recuperación do Cinema Adriano de Barallobre como espazo para o desenvolvemento de actividades relacionadas coa arte e a cultura. O edificio data do ano 1947, cando foi construído por un emigrante retornado, Antonio Fernández, seguindo o estilo indiano característico da época. Desde a súa apertura ata o seu peche en 1972, consolidouse como o auténtico centro da vida sociocultural da comarca.
O edificio do Cinema Adriano está recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Fene como Elemento de Protección Patrimonial de carácter estrutural. Actualmente, a Asociación ten cedida a xestión do cinema á Asociación Patio de Butacas.
Ademais, a Asociación realiza unha programación de eventos culturais como espectáculos de teatro, monólogos, proxeccións de cinema ou festivais multidisciplinares co obxectivo de dinamizar a oferta cultural da comarca e, ao mesmo tempo, dar a coñecer a Asociación e a súa sede, o cinema Adriano, como espazo vivo e aberto ás iniciativas dos artistas que queiran participar no proxecto.
A Asociación está, por tanto, intimamente ligada ao Cinema Adriano e, inevitablemente, á comarca de Ferrolterra, onde se sitúa o vello edificio.

Por este motivo, Patio de Butacas ten na actualidade un ámbito de actuación eminentemente local sen que iso implique renunciar a unha visión da cultura como fenómeno capaz de traspasar fronteiras, como o demostra a organización de evento que aquí se presenta.
Temática principal da organización
Patio de Butacas é unha asociación cultural sen ánimo de lucro que ten como obxectivo promover a cultura dentro da súa contorna.
Patio de Butacas aborda a promoción da cultura exenta do paternalismo institucional que decide que cultura pode ser consumida. Desde a asociación promovemos un gran número de actividades que, en conxunto, resultan adecuadas e atrayentes para un amplo espectro da poboación. É o espectador o que debe decidir o tipo de actividade que quere realizar ou o tipo de espectáculo que quere presenciar.

Defendemos unha cultura para todos os públicos.
Área xeográfica de influencia e características socioculturais
Patio de Butacas é unha asociación radicada no Concello de Fene (A Coruña).
O principal ámbito de influencia constitúeo a comarca de Ferrol, coñecida como Ferrolterra, é unha zona costeira situada na provincia da Coruña, en Galicia, no noroeste da Península Ibérica. Nos algo máis de 613 km² de extensión da comarca habitan preto de 160.000 persoas, segundo datos de 2014.
Esta rexión caracterizouse pola súa potente industria naval, contando con dúas dos mellores estaleiros do mundo: Navantia Fene e Navantia Ferrol, os antigos Astano e Bazán. Na actualidade é un sector profundamente castigado pola crise que tenta volver aos tempos nos que era o principal motor ecónomico da comarca. Por tanto, toda Ferrolterra está a verse seriamente afectada pola paralización dos estaleiros.

Organigrama de Patio de Butacas
A Xunta Directiva da Asociación compóñena:
• Presidenta: Marta Barros Carneiro
• Vicepresidente: Daniel Sanmartín Anca
• Secretario: Mario Nodar Fernández
• Tesoureira: Ronsel Iglesias
• Vocal: Ágata Nodar Barros
• Vocal de socios: Juan José González